Reunión do grupo de conversa 'Falarmos... Nós' de Xiradela na súa primeira edición, trátase dunha iniciativa da Deputación da Coruña

Súmate ao grupo de conversa en galego ‘Falarmos… Nós’ da A.X. Xiradela

 

  • Non falas galego pero prestaríache?
  • Fálalo pero sen soltura e queres mellorar?

Por segundo ano a A.X. Xiradela súmase á iniciativa FALARMOS… NÓS da Deputación da Coruña

Falarmos… Nós, son grupos de conversa que buscan fomentar o uso oral do galego entre persoas que o coñecen, pero non o empregan habitualmente, ben por falta de apoio na súa contorna ou por seren persoas chegadas de fóra que aínda están en proceso de aprendizaxe.

A través desta iniciativa da Deputación da Coruña xeramos contornas seguras nas que perder o medo a falar e recuperar a confianza no uso da lingua fóra de contextos formais ou académico.

Non son clases de lingua. Non se impartirán contidos gramaticais nin ortográficos, senón que se fomentará a práctica da conversa nun ambiente seguro e participativo. É dicir, conversamos e así aprendemos coa guía dunha persoa, neste caso a nosa compañeira Carmen Pereiro que dinamiza o grupo.

Falarmos… Nós será os xoves pola tarde

É unha actividade de balde, pero con prazas limitadas na que priorizaremos as persoas socias da A.X. Xiradela. O grupo de conversa Falarmos… Nós da A.X. Xiradela xuntarase os xoves de 18:30 a 19:30 horas nas instalacións da asociación arteixá e ten previsto retomarse a partir de setembro de 2026. 

Para recibir máis información podes dirixirte a Xiradela a través do enderezo electrónico: xiradela@yahoo.es.